Nacemos
Matrioshka Teatro nace a lume lento, da man de 3 mulleres: Anabell Gago, Chelo do Rejo e Lorena Conde. Procuramos facer un teatro de creación, poñer en escena o que a nós nos gustaría ver.
Recollemos
Matrioshka Teatro somos de onde vimos, alimentámonos do legado das xeracións que foron antes. Repousamos o vivido e tratamos de compartir coas que están e coas que virán. Somos teatro de partillar e coidar. Mulleres que apertan, mulleres que acubillan e que fomos acubilladas por outras.
Xuntamos
Apostamos por camiños intermedios, por linguaxes misturadas que transiten neses lugares de intersección. Recollida e cruzamento entre o teatro máis clásico e o contemporáneo.
Creamos
Cremos nun teatro onde as intérpretes estean no centro da creación, apostamos polas dramaturxias a pé de escena, sen deixar de lado unha estética coidada, a frescura e a naturalidade nun diálogo aberto sempre co público.
Agradecemos
A esta aventura de Matrioshkas -arriscada e necesaria- téñense sumado con entusiasmo persoas de grande talento e inquedanza tal como Marta Pazos, Uxía P. Vaello, Javier Quintana, Inés Salvado, Cloti Vaello, Trini F. Silva, Emilio Carral, Borja Fernández, Gena Baamonde, María Ängeles Iglesias ou Octavio Mas entre moitas outras. Complétase así un equipo desexoso de dar á escena galega pezas que atrapen, sorprendan e emocionen ao público.
E nesas andan…